TREMER
Coa mesma expresión formal e parello significado ao do noso tremer, a lingua de cultura e lingua panrománica que foi o latín emprega tremere. Hoxe á beira deste termo propio pódese escoitar no galego deturpado, contaminado lexicalmente polo castelán, a forma temblar, mais cómpre non esquecermos nin deixar de empregar este noso cultismo, tremer, común co portugués e con máis que notables semellanzas formais co tremer do provenzal ou co tremare do italiano. En galego tamén se rexistra a variante tremar. Noutras linguas as metamorfoses que se produciron dende aquela mesma base etimolóxica, tremere, deron na actualidade derivados moi pouco recoñecibles, como sucedeu co craindre do francés.
E logo que é un tremor en galego? Pois é o mesmo que é tremor no latín, unha axitación ou un movemento vibratorio. O mesmo que tremor en galego, é tremor portugués e tremor en catalán. O italiano emprega tremore e tamén no léxico do inglés existe tremor. Ademais, como termo médico, tremor ten o significado preciso de ‘movemento involuntario dalgunha parte do corpo’.
Agora ben, tremar tremar, o que se di tremar, trema a terra cando se sacode por mor dun terremoto. A ciencia que estuda os tremores da terra, terremotos ou sismos, a sismoloxía, emprega nun sentido preciso a noción de tremor como as vibracións que produce o fluxo de magma ao saír polas fendas. É ben sabido o tremor que pode chegar a causar un terremoto. Iso si que é un verdadeiro tremor, e non o que causa o frío, un pequeno tremor corporal para o que abonda con tremelicar.
A xeito de vibración léxica que fixo ecoar este tremer foron propagándose outras voces derivadas como tremendo e tremebundo, ambas as dúas co significado básico ‘que fai tremer’; tamén por efecto de tremor resultou o adxectivo trémulo ‘que treme’. E o verbo estremecer presenta unha substancial concomitancia semántica e léxica cos anteriores termos. En náutica denomínase tremular ou tremolar á acción do vento que produce pequenos tremores na vela dun veleiro.
Seica dicía o Che Guevara: se vostede é quen de tremer de indignación cada vez que comete unha inxustiza no mundo, daquela somos compañeiros.
Treme, camarada, treme.
Ver o abandono dalgúns sitios fai tremer a calquera
Verba seguinte: ULO? // Verba anterior: TORTO // TODAS AS VERBAS
2005-2025 |